O iPhone SE confírmase como unha versión do iPhone 6s coa aparencia de ser un iPhone 5s

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Como estaba previsto, finalmente Apple anunciou un novo iPhone de pequeno tamaño, que cumpriu os rumores que apuntaban a que fose unha revisión do iPhone 5s, de xeito que os iPhone 6s e 6s Plus (con pantallas de 4,7 e 5,5 polgadas respectivamente) teñen agora un irmán pequeno, o iPhone SE (con pantalla de 4 polgadas).
O iPhone SE chegará ao mercado en catro cores (prata, ouro, gris espacial e ouro rosa) en capacidades de 16 Gb e 64 GB, a prezos de 489 euros e 589 euros respectivamente, e as súas diferenzas co iPhone 6s parecen limitarse á pantalla (que é máis pequena e con menor contraste) e á cámara frontal (que limítase aos 1,2 Mpíxeles, en vez dos 5 Mpíxeles dos modelos maiores), polo que pode considerase como unha das mellores opcións de entrada dentro da familia de smartphones de Apple, de xeito que podería ter grande acollida entre os usuarios que non están dispostos a pagar dende 749 euros por un iPhone 6s, así como para os que os últimos iPhone resúltenlles incómodos por estar afeitos ao anterior tamaño de pantalla.
Externamente o novo teléfono conserva a liña do iPhone 5s, cun ancho de 0,76 centímetros e un peso de 113 gramos, o que non lle impide funcionar cun procesador A9 de 64 bits con coprocesador M9, cámara traseira de 12 Mpíxeles (con Flive Photos e gravación de vídeo en 4K), sensor Touch ID, LTE (con VoLTE), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC (para poder empregar Apple Pay), toma de auriculares de 3,5 milímetros (que os rumores apuntan a que desaparecerán co iPhone 7) e conector Lightning. A pantalla do iPhone SE mantén a densidade de puntos que a do iPhone 6s (326 puntos por polgada) de aí que baixe de 1.334 x 750 píxeles a 1.136 x 640 píxeles, o que posiblemente non sexa moi do agrado dos máis esixentes (xa que en boa parte dos smartphones de gama media actuais a densidade de píxeles está nos 401 puntos por polgada, mentres que terminais como os Samsung Galaxy S7 e S7 edge presumen de densidades de 577 e 534 puntos por polgada respectivamente).
Este novo smartphone chegará ao mercado o 31 de marzo, cando porase á venda en Australia, Canadá, China, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón, Nova Zelandia, Puerto Rico, Singapur, Reino Unido e EE.UU., mentres que en países como España teremos que agardar a primeiros de abril para poder facernos con este curioso teléfono que parece nadar contracorrente, aínda que podería ter unha grande aceptación grazas ao seu prezo.

JPEG - 80.5 KB
O iPhone SE será compatible con Apple Pay

PUBLICIDADE