O innovador servizo de venda Logre+ aposta pola tecnoloxía de xestión da galega Edisa
martes, 19 de febreiro do 2013
A compañía galega Edisa,
con sedes en Ourense (Tecnópole) e Vigo, vén de acadar un novo fito
no seu proceso de crecemento. O motivo disto ten a súa orixe, unha
vez máis, na plataforma Libra, unha máis que completa achega de
servizos e ferramentas para a xestión empresarial, a día de hoxe
afianzándose en empresas de todo o mundo (tal e como informamos en
Código Cero con motivo do seu afianzamento en México
ou Colombia).
Pois ben, segundo informa a empresa galega, a plataforma segue o seu
proceso imparable de espallamento. De feito, vén de ser elixida
polo portal de venda en liña Logre+
para a súa xestión de control e negocio.
Lembrar que Logre+ é unha innovadora iniciativa de
distribución de produtos industriais, ferraxería e equipamento do
fogar. Ten feitura de portal en liña no que se actualiza de continuo
un catálogo electrónico de oportunidades e artigos das empresas
socias, sendo o seu obxectivo (o de Logre+) xerar solucións para as
compañías con excedentes de stock en produtos novos. Ou sexa, que
con esta nova iniciativa trátase de resolver os problemas que xorden
con aqueles artigos que perderon a súa oportunidade de venda, xa
sexa por fin de tempada, pola aparición de novos modelos ou
simplemente pola crise produtiva. En
palabras de Gerardo Callejo, director comercial para a Zona
Centro-Sur de LOGRE+, “o obxectivo é darlle unha segunda
oportunidade a produtos con sobrestock, dunha forma diferente a como
se fai tradicionalmente; queremos que calquera cliente, ben sexa unha
pequena ferraxaría, ou unha gran empresa poidan ser tanto ofertantes
como demandantes dos produtos publicados no portal".
Como dixemos, para
o desenvolvemento deste proxecto empresarial, pioneiro en España, os
seus responsables veñen de apostar forte pola plataforma de xestión
empresarial Libra da compañía galega Edisa, e que inclúe un
conxunto de aplicacións totalmente integradas para cubrir todos os
procesos de negocio e os de xestión, plenamente adaptados ás
necesidades de cada empresa. Así nos explica o devandito Gerardo
Callejo as implicacións deste labor da firma Edisa a prol da
plataforma de venda: “Desde a concepción do noso
proxecto tivemos moi claro que para desenvolvelo precisabamos un
apoio tecnolóxico importante a través dunha ferramenta moi fiable,
doada de manexar e intuitiva, ademais de con gran experiencia no
sector. Tras avaliar diferentes propostas optamos por Edisa, e en
concreto pola súa plataforma Libra porque era sen dúbida a opción
que mellor se adaptaba ás nosas necesidades”.
Lembremos que arestora
Libra conta con máis de 500 casos de éxito en 60 sectores de
actividade diferentes, sendo líder a nivel nacional nalgúns destes,
como pesca e conxelados, extrusión de aluminio e distribución
farmacéutica.
