O mes que vén chegará ao mercado un smartwatch para invidentes

venres, 24 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que o seu concepto pode parecer sinxelo, a creación de produtos innovadores supón todo un reto, e un destes proxectos que leva anos xestándose con grande atención por parte do colectivo de persoas con deficiencias visuais severas ve por fin os seus froitos e para o mes que vén chegará ás tendas británicas Dot, un smartwatch cunha pantalla Braille, de xeito que non está baseado só en información sonora como outros produtos para superar os problemas de visión.
O Dot é un reloxo de pulso bastante tradicional, con esfera redonda e catro elementos con seis bolas cada un que permiten que o usuario poida ler de xeito táctil, contando tamén cun par de botóns laterais para poder realizar respostas simples e outras accións.
Esta creación chega dunha startup surcoreana que botou a andar en 2014, e tardaron tanto en facer o produto realidade ante as dificultades para conseguir que o reloxo sexa o suficientemente resistente para un produto de uso cotián, especialmente nas súas partes móbiles, xa que resultou moi complexo protexer eses elementos mantendo a súa funcionalidade táctil.
A compañía contou cuns 140.000 mecenas que apoiaron o seu proxecto, e polo momento confían en entregar 100.000 unidades durante 2017, e as 40.000 unidades restantes durante o ano que vén, de xeito que a súa comercialización en tendas será inicialmente anecdótica, pois limitarase a un milleiro de unidades que poderanse adquirir en Londres a un prezo de 320 dólares.
Durante 2018 tamén pretenden sacar ao mercado o Dot Pad, unha especie de lector electrónico tipo Kindle que están a desenvolver coa axuda de Google, que incluso amosará formas e imaxes a través de botóns táctiles, buscando resultar útil para usos educativos que vaian dende o ensino de matemáticas até de arte. O goberno de Quenia tamén chegou a un acordo para facerse con 8.000 unidades do Dot Mini, un lector Braille con finalidade educativa que custaría uns 200 dólares. En definitiva, que a compañía está a especializarse na creacións de solucións interactivas baseadas na escritura Braille, o que pode resultar de grande utilidade para millóns de persoas con eivas visuais.

PUBLICIDADE