O monitor LG 38UC99 combina pantalla ultrapanorámica curva con USB-C e altofalantes Bluetooth

luns, 5 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Cando comezan a mesturarse tecnoloxías novas é doado ser o primeiro no mercado en ter un produto cunha descrición determinada, e así LG ten agora o LG 38UC99, que sería o primeiro monitor ultrapanorámico con USB tipo C, que permite empregar un único cable para achegar datos e corrente ao mesmo tempo, gañando versatilidade e reducindo o número de cables no escritorio, aínda que non é o único que pode sorprender deste monitor IPS curvo cunha diagonal de 37,5 polgadas, xa que os seus altofalantes de 10 watts integrados tamén son Bluetooth, ou sexa, que poderían aproveitarse dende un dispositivo móbil para escoitar música, sen ter que empregar cables adicionais.
Estamos ante un produto realmente impresionante, cunha grande precisión de cor, un tempo de resposta moi reducido, unha resolución de 3.840 x 1.600 píxeles que o converte en todo un soño para deseñadores e gamers, unha relación de aspecto 21:9 (o chamado formato cinematográfico) que permite un maior aproveitamento do escritorio, HDMI 2.0, DisplayPort 1.2 e un par de portos USB 3.0 (1 deles, compatible con carga rápida) e incluso software para facilitar o traballo a pantalla partida ou con modos de Picture-in-Picture.
Un produto que como principal eiva ten que está aínda lonxe do que pode permitirse o usuario medio, xa que o seu prezo de lanzamento nos EE.UU. é de 1.499,99 dólares (1.345 euros), pero que resultará especialmente atractivo para usuarios que, por exemplo, teñan ordenadores portátiles con USB-C, pois poderían cargar o portátil a través do mesmo cable co que se conectarían á pantalla externa, simplificando moito a conectividade.

PUBLICIDADE