O movemento Coronavirus Makers Galicia xa conta cuns 1.800 voluntarios

martes, 31 de marzo do 2020 S. P.

A nosa terra pode presumir de contar cun auténtico batallón de voluntarios argalleiros contra o COVID-19. Estamos a falar dos integrantes anónimos de Coronavirus Makers, un movemento que a nivel estatal ten xa máis de 15.000 membros e cuxa vertente galega (Coronavirus Makers Galicia) aglutina xa unhas 1.800 persoas. O nexo común: o seu espírito solidario que os obriga a aplica o seu importante coñecemento en impresión 3D ou robótica ao servizo da fabricación de máscaras protectoras, respiradores e material variado (sanitario e preventivo) de primeira necesidade.
O movemento Coronovirus Makers Galicia é unha iniciativa sen ánimo de lucro, que seguindo a cultura argalleira do “faino coas túas mans” (e compárteo), busca darlle “un uso ético á tecnoloxía”, ao tempo se abre a diversas colaboracións (que son a base do seu ideario) de material, aínda que non de diñeiro.
A orixe da irmandade argalleira fronte ao COVID-19 está precisamente no epicentro da pandemia a nivel estatal: Madrid. A partir da capital, foise estendendo a solidariedade dos nosos creativos tecnolóxicos a medida que se espallaba tamén o andazo. Nestes intres están a botar man de todo tipo de material, xeralmente doado por empresas e entidades, como por exemplo gomas e láminas de acetato, para dar forma a máscaras protectoras, lentes e outros elementos de protección. Os integrantes galegos do movemento manteñen unha colaboración constante cos centros sanitarios, aos que dotan do devandito equipamento. Axudando a que o fluxo de material sexa o máis eficaz posíbel atópanse empresas como a cooperativa COFANO, que o fai chegar directamente aos sanitarios e, tamén, aos corpos policiais e de Protección Civil dos nosos concellos. O material que deseñan e entregan recibiu o visto e prace do Ministerio de Sanidade.
Incorporacións recentes do Campus de Lugo
O movemento Coronavirus Makers está a recibir cada pouco importantes incorporacións. Á división galega adheríronse estes días dous estudantes de primeiro curso do grao de Enxeñaría Robótica na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo (USC), Yasmina Vázquez Penelo e Lucas Campillo de Andrés, amais do grupo de divulgación XuvenCiencia da USC. Contribúen coa achega do material necesario para a impresión en 3D de 250 viseiras de protección, dispositivos que contan con validación para o seu uso por parte de persoal sanitario.

PUBLICIDADE