O novo Echo Show 10 chegará a España o 14 de abril

xoves, 18 de marzo do 2021 Marcus Fernández

En xaneiro presentouse un novo Echo Show 10, que nesta terceira xeración destaca porque a súa pantalla de 10 polgadas co asistente Alexa conta con movemento, de xeito que a base do dispositivo é xiratorio para seguir automaticamente aos usuarios para que non perda a pantalla de vista cando está a consultar información ou cando está a realizar unha videoconferencia.
Este Echo Show 10 de 3ª xeración estaba pendente de establecer a súa data de lanzamento en España, e por fin fixouse no 14 de abril, podendo reservarse xa, aínda que o seu prezo é bastante elevado (249,99 euros) de xeito que os interesados neste produto poderían considerar agardar a algunha das campañas de promoción tan habituais nos produtos da liña Echo. Tamén cómpre lembrar que os dispositivos Echo Show, sen a base xiratoria, están dispoñibles en tamaños de pantalla de 5 e 8 polgadas actualmente a prezos de 54,99 e 89,99 euros respectivamente (xa que están en rebaixas).
O novo Echo Show 10 ten unha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, altofalantes (2 tweeters de 1 polgada e un woofer de 3 polgadas), cámara de 13 Mpíxeles e sistemas para cubrir a súa cámara e desactivar o seu micrófono. Pode empregarse para consumir contidos multimedia, controlar o fogar dixital coa voz, servir de cámara de vixilancia cando non se está en casa, facer de marco dixital e incluso axudar coas receitas de cociña.

PUBLICIDADE