O novo HP Spectre x360 13 combinará potencia e autonomía nun equipo moi compacto
luns, 30 de setembro do 2019
Os portátiles HP Spectre
x360 13 están a renovarse, dobrando o seu rendemento con respecto á anterior
xeración e converténdose nos primeiros convertibles de HP cun procesador de 4
núcleos Intel Core de 10ª xeración e gráfica Intel Iris Plus, á vez que tamén poden
presumir dunha autonomía de até 22 horas, polo que son uns equipos moi atractivos.
Esta revisión dos Spectre x360 consegue reducir considerablemente o seu tamaño,
e aproveitaron o cambio de deseño para incluír modificacións como que o porto
USB-C e o botón de apagado estean en
extremos opostos do equipo (para evitar apagados accidentais), e incluso
incorporaron un interruptor para desactivar a webcam (evitando así posibles
intromisións na intimidade do usuario).
A nivel de seguridade o portátil tamén
conta con lector de pegadas e cámara de infravermellos compatible con Windows
Hello, ou sexa, que podemos desbloquear o equipo co dedo ou coa cara.
Estes portátiles sairán á venda nos EE.UU. en outubro a un prezo que parte dos
1.099 dólares, para un modelo con pantalla Full HD de 13,3 polgadas, procesador
Intel Core i5-1035G1, 8 GB de RAM, 256 GB de SSD, mentres que a
versión máis completa contará con pantalla OLED, procesador Intel Core
i7-1065G7, 16 GB de RAM e 512 GB ou 1 TB de SSD a un prezo de 1.499 dólares.