O novo MID de Gigabyte venderase a 750 dólares
venres, 13 de xuño do 2008
Entre os ultraportátiles de
baixo custo e os teléfonos intelixentes están os MID, dispositivos pensados
para o uso da Internet nun dispositivo de tamaño medio que achega unha grande
mobilidade, pero en vista dos prezos que apuntan actualmente os ultraportátiles
sorprende que o
Gigabyte M528 MID se vaia vender a uns 750 dólares.
Cómpre destacar que o M528 ten un procesador a 800 MHz, 512 Mb de RAM, 4/8 Gb
de memoria sólida, pantalla de 4,8 polgadas cunha resolución de 800 x 480
píxeles, GPS, cámara de 3 Mpíxeles, teclado QWERTY, Wi-Fi, Bluetooth e
conectividade 3G (HSDPA) en só 152 x 80 x 22,5 milímetros e 300 gramos de peso,
polo que as prestacións do dispositivo son moi elevadas para a súa alta
portabilidade, aínda que non parece que compense o elevado prezo ao que
pretende comercializalo Gigabyte.
O novo MID de Gigabyte incorpora un completo paquete de aplicacións entre as
que se inclúe un navegador web baseado no motor de Firefox 3, Skype, o programa
de mensaxería instantánea Pidgin, OpenOffice 2.4 e outros, de xeito que permite
levar a cabo a meirande parte das funcións dun ordenador dende case calquera
lugar.