O novo Mac Pro sae á venda a un prezo de entre 6.499 e 61.939 euros
martes, 10 de decembro do 2019
O longamente agardado Mac Pro, anunciado
en 2017 e presentado
a primeiros de xuño, sae finalmente á venda cumprindo in extremis a
promesa de chegar ao mercado no outono. O equipo non chega só, senón que vén
acompañado polo Pro Display
XDR, monitor profesional de 32 polgadas e resolución 6K cun prezo básico de
5.499 euros (aos que habería que engadir 1.000 euros se queremos que teña con
vidro nanotexturizado e outros 1.099 euros se queremos adquirilo cunha peaña
axustable, o que sumaría 7.598 euros).
O novo Mac Pro é un equipo
destinado a usos profesionais moi esixentes (como a edición de vídeo para cine),
de aí que funcione con procesadores Intel Xeon de até 28 núcleos, poida
equiparse con até 1,5 TB de memoria DDR4, inclúa 8 rañuras de expansión PCI
Express para facilitar a súa personalización, conte con gráfica Radeon Pro de
grande potencia, permita a súa configuración cunha tarxeta Apple Afterburner
para acelerar o traballo con vídeo e todo iso nunha caixa cun deseño robusto e
unha boa refrixeración.
O equipo está dispoñible
para a súa venda en formato torre a un prezo que parte dos 6.499 euros e
pode chegar até os 61.939 euros, deixando claro que non estamos ante un
ordenador de consumo, senón ante un equipo orientado a usos profesionais moi
específicos.