O novo Moto G estrea modelo 4G no Brasil

venres, 30 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A última versión do Moto G, ao incrementar a súa pantalla até as 5 polgadas, conseguiu unha acollida magnífica, porque combinou a súa habitual relación calidade-prezo cun formato que resulta moi atractivo para o público, pero que presentaba como principal carencia a ausencia de conectividade LTE, o que comeza a superar coa estra dun novo modelo que vén de ver a luz no Brasil: o Moto G 4G de segunda xeración.
Este novo terminal está xa á venda a un prezo de 899 reais (ou sexa, que supón un incremento de prezo fronte ao modelo ordinario, que véndese a 749 reais) e non terá que agardar pola actualización a Lollipop, senón que xa virá directamente con Android 5.0.2.
O Moto G 4G (2015) chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), pantalla de alta definición de 5 polgadas con Corning Gorilla Glass 3, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e, como vantaxes desta nova versión, soporta dobre SIM e a súa batería incrementa a súa capacidade até 2.390 mAh.
Queda agora agardar a que este novo terminal chegue ao resto de mercados internacionais.

PUBLICIDADE