O novo Motorola Edge contará cunha cámara principal de 108 Mpíxeles

xoves, 19 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Conscientes das tendencias do mercado Motorola decidiu que o seu novo smartphone optase por unha cámara de ultra alta resolución e unha pantalla con alta velocidade de refresco, detalles que levou a un extremo que permite certa atención nun momento no que os móbiles teñen serias dificultades para destacar e diferenciarse.
O novo Motorola Edge destaca especialmente pola súa cámara traseira principal de 108 Mpíxeles cun sensor de grande tamaño, que vén acompañado por un obxectivo ultra grande angular de 119 graos e un macro. No caso da cámara frontal ten unha cámara de 32 Mpíxeles que consegue boas imaxes tirando proveito da tecnoloxía Quad Pixel.
O outro punto forte do Motorola Edge é a súa pantalla Max Vision de 6,8 polgadas, que non conforme co seu xeneroso tamaño, tamén é compatible con HDR10 e ten unha velocidade de refresco de 144 Hz, quedando a unha grande distancia dos 60 Hz que eran o habitual até hai pouco (e que segue a ser a velocidade de refresco de móbiles como os iPhone).
A adopción dun Qualcomm Snapdragon 778G supón que estamos ante un móbil preparado para a 5G e para a conectividade Wi-Fi 6E, o que xunto aos seus até 8 GB de RAM e até 256 GB de almacenamento consegue que este dispositivos estea preparado para o medio prazo, sendo tamén bastante de agradecer que conte cunha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 30 watts e a posibilidade de conseguir até 9 horas de autonomía con só 10 minutos de carga.
Aínda non sabemos cando chegará ás tendas españolas, pero nos EE.UU. xa ten fichado o seu lanzamento no día 2 de setembro, cun prezo oficial de 699,99 dólares que como promoción de lanzamento baixará até os 499,99 dólares (428 euros), prezo que pode atraer a moitos usuarios que valoren especialmente detalles como a cámara, a pantalla e a autonomía dos seus teléfonos.

PUBLICIDADE