O novo Smart TV de Xiaomi será actualizable

luns, 19 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que os chineses teñan sona de plaxiar tecnoloxía, tamén saben innovar, e parece que Xiaomi está a camiñar por sendeiros moi prometedores, xa que hoxe presentou un par de produtos moi diferentes, pero igualmente chamados a revolucionar cadanseu sector: o Mi TV 3 (televisor) e o Ninebot mini (patín eléctrico).

O televisor actualizable

Que supoñen de revolucionarios estes novos produtos. Para comezar, o Mi TV 3 non só é un impresionante Smart TV de 60 polgadas cun panel de ultra alta definición, que presume dun marco de metal ultra-delgado de só 11,6 milímetros, que fai que pareza máis unha tableta xigante que un televisor, e que o seu prezo sexa de só 4.999 iuans (694 euros), senón que o rechamante é que e está deseñado de xeito que o panel e a súa placa base son independentes, de xeito que poderase substituír a placa para que o televisor non quede desfasado nun par de anos como acontece cos Smart TV actuais. Deste xeito poderase aproveitar mellor a longa vida da pantalla, estimando dende Xiaomi que pode durar tranquilamente unha década, mentres que a placa podería mudarse cada 18 meses.
Adicionalmente tamén presentaron a Mi TV Bar, barra de son que inclúe as típicas prestacións dun Smart TV e que venderase por 999 iuans (139 euros), de xeito que o propio sistema de son pode converter un televisor ou un proxector de vídeo nun sistema Smart TV, destacando especialmente polo feito de que pode axudar a reducir o caos de cableado do salón, xa que entre un Mi TV 3 e unha Mi TV Bar só é preciso empregar un Mi Cable, de xeito que logo na barra de son podemos gozar de 3 portos HDMI, 2 portos USB, 1 porto VGA, 1 porto Ethernet e incluso unha toma de antena, o que fai moi doado agochar da vista os cables que comunican cos distintos periféricos que podemos conectar ao televisor.
Pero aínda que esteticamente o Mi TV Bar sexa moi atractivo, non é menos destacable a nivel de prestacións de Smart TV, xa que está equipada cun procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, gráfica Mali-T760, 2 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, Wi-Fi AC e Bluetooth 4.1, sendo capaz así tanto de acceder a numerosos contidos en liña e aplicacións como de reproduducir incluso vídeo en ultra alta definición a 60 imaxes por segundo comprimido en H.265, polo que é unha solución moi atractiva para actualizar un vello televisor, sorprendendo por un prezo máis propio dun reproducir multimedia que dunha solución tan completa. Tamén pode completarse a barra de son co Mi Subwoofer (599 iuans) e cun mando a distancia Bluetooth con sensor de movemento e control por voz (99 iuans).

O competidor low-cost do Segway

Dende hai anos o sistema de desprazamento persoal Segway é todo un referente internacional de innovación, que actualmente podemos ver en moitos centros comerciais e incluso en espazos abertos, estando o seu uso limitado principalmente a tarefas de vixilancia ou usos recreativos (turismo), non conseguindo converterse nun produto de consumo masivo por mor do seu elevado prezo, e aí é onde entre a competir agora Xiaomi co Ninebot mini, un sistema eléctrico de desprazamento persoal, ao que pode subirse o usuario para controlalo mediante a inclinación do seu corpo, podendo acadar velocidades de até 16 quilómetros por hora e que só pesa 12,8 quilogramos e é o suficientemente compacto como para levalo no maleteiro do coche.
Este produto que incluso pode configurarse mediante un smartphone (axustándose así á filosofía propia de Xiaomi) sorprende especialmente por custar só 1.999 iuans (277 euros), bastante lonxe dos milleiros de euros que pode custar un Segway.
Queda agora por ver cal é o uso que se dará a este trebello, que nun principio parece pensado como alternativa ao monopatín, de aí que incluso Xiaomi comercialice tamén lotes de proteccións. A súa autonomía chega para percorrer até 22 quilómetros cunha única carga, polo que tamén parece unha interesante solución para percorridos turísticos. Chegará ao mercado chines o 3 de novembro

O Ninebot mini promete ser máis práctico e económico que un Segway

PUBLICIDADE