O novo smartwatch de Samsung ten unha autonomía de até máis de 80 horas

xoves, 9 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Acompañando a presentación do Galaxy Note9 amosouse tamén o novo smartwatch de Samsung, o novo Samsung Galaxy Watch, accesorio que busca sumar as funcións propias dun reloxo conectado coa sensacións dun reloxo de pulso tradicional, con esferas, efectos de iluminación e incluso un son de tictac para que semelle que estamos ante un reloxo de verdade, fai uso de correas tradicionais (de 22 e 20 milímetros en función do tamaño da caixa) e véndese en cor prata cunha caixa de 46 milímetros e en cor negra ou rosa dourada na versión de 42 milímetros.
En ambos casos pode adquirirse con conectividade Bluetooth ou con 4G, de xeito que os usuarios que non queiran cargar co smartphone para empregar o smartwatch poderán facelo, podendo recibir mensaxes e chamadas directamente no reloxo, poder reproducir música en streaming ou incluso empregar servizos de mapas para guiarnos ao noso destino.
Unha das grandes vantaxes deste reloxo fronte á competencia é que mellorou considerablemente a súa autonomía, para poder superar as 80 horas de uso, evitando así que haxa que cargalo a diario. Aparte de poder substituír moitas das funcións do smartphone (se o operador telefónico que teñamos ofrece tal servizo), tamén é unha boa ferramenta para a monitorización de actividade, é resistente á auga, pode empregarse para a realización de pagamentos contactless e incluso podo aproveitarse para interactuar coa domótica doméstica.
O novo Galaxy Watch ten unha pantalla circular Super AMOLED de 1,3/1,2 polgadas cunha resolución de 360 x 360 píxeles, batería de 472/270 mAh, procesador Exynos 9110 de dobre núcleo, sistema operativo Tizen, 1,5 GB de RAM no modelo con LTE e 768 MB de RAM no modelo Bluetooth, 4 GB de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, NFC, GPS, carga sen fíos, monitor de ritmo cardíaco, barómetro e compatibilidade con móbiles con Android 5.0 ou superior e con móbiles con iOS a partires do iPhone 5.

A versión con caixa de 42 milímetros é un modelo máis orientado ao público feminino (de aí que estea dispoñible en distintas cores) e é compatible con correas de 20 milímetros

Wireless Charger Duo

Anticipándose ao AirPower de Apple (produto do que aínda non hai data de lanzamento pese a terse anunciado hai preto dun ano) Samsung tamén porá á venda o seu Wireless Charger Duo, un cargador sen fíos para dous dispositivos, que busca precisamente poder cargar á vez o smartphone e o smartwatch sen a necesidade de empregar os seus conectores de carga, destacando o feito de que o móbil colócase sobre unha peaña, de xeito que mentres se carga é posible ver vídeos ou ler mensaxes.

PUBLICIDADE