O novo tabletófono de baixo custo de Xiaomi rexistra 15 millóns de reservas

luns, 5 de maio do 2014 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi está conseguindo gañar moitas posicións no mercado grazas aos seus produtos de grande potencia e prezo agresivo, mantendo certo nivel de calidade e deseño, e o seu grande éxito no parece que vaia ser o potente Mi 3, senón que o terminal que está a ter unha demanda elevadísima é o Redmi Note, que chega ao mercado en dúas versións diferentes, rexistrando o seu modelo máis económico unhas reservas de 15 millóns de unidades, deixando clara a atracción que para o público chinés teñen os smartphones con pantalla de grande tamaño.
O Redmi Note é un smartphone cunha pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, con cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, dobre SIM, sistema operativo MIU V5 (baseado en Android 4.2), batería de 3.200 mAh e carcasa dispoñible en 6 cores distintas que ten un prezo de só 799 iuans (92,19 euros) no seu modelo cun procesador de 8 núcleos a 1,4 GHz, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb) e de 999 iuans (115,27 euros) para o modelo con procesador de catro núcleos a 1,7 GHz, con 2 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno (tamén ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb). Unha configuración realmente completa para un dispositivo de baixo custo que aspira a converterse nun dos smartphones máis populares do presente ano.

PUBLICIDADE