O novo xogo de Tomb Raider déixase ver nunha completa demo

luns, 10 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Tras a celebración da Gamescom en Colonia hai moita expectación ao redor do xogo Rise of the Tomb Raider, xa que este título que durante este ano será exclusivo para as consolas de Microsoft, deixouse ver nunha completa versión de demostración na que demostrou ser un título fiel á saga da arqueóloga máis famosa do lecer dixital, xa que por fin puido verse como Lara Croft se somerxía en contornos moi detallados nos que non faltaban tumbas e, de feito, a demo remata cunha impresionante secuencia na que hai que fuxir dunha tumba que está a asolagarse, no que semella unha clara homenaxe á película de Indiana Jones e o Templo Maldito.
Para facer que esta demo do xogo chega a un maior público, aparte da Gamescom temos agora un vídeo que a amosa en YouTube (aínda que advirten que a compresión do vídeo fai que non poida apreciarse o nivel de detalle que consegue o xogo correndo nunha Xbox One). Podemos así ver como o xogo presentaranos inscricións en murais que temos que procurar traducir, quebracabezas acuáticos, un sistema de escalado moi dinámico... en definitiva, unha serie de detalles que facer que os que gustasen da anterior entrega poidan chegar a pensar en facerse cunha Xbox One nesta campaña de Nadal para non ter que agardar un ano para poder gozar do xogo en PlayStation 4.

Vídeo no que podemos ver a nova demo de Rise of the Tomb Raider

PUBLICIDADE