O ordenador ROG GR8 II chegará listo para a realidade virtual
luns, 16 de xaneiro do 2017
A
marca de Asus para xogadores de PC, Republic of Gamers, presentou estes días
varios equipos informáticos de escritorio como o ROG
GR8 II, un interesante equipo para usuarios que queiran gozar dun ordenador orientado
aos xogos bastante compacto (só ten 4 litros de volume) e transportable
(uns 4 quilos de peso) que estea preparado para a realidade virtual, á vez que
conte cunha estética acorde co que buscan habitualmente os gamers.
Estes novos ordenadores funcionan con procesadores Intel Core i5/i7 de sétima
xeración, con até 32 GB de RAM (DDR4) e unha versión da gráfica Asus GTX 1060
(un 10% máis rápida que a GTX 960), contando con 2 portos HDMI de xeito que
sería posible empregar un casco de realidade virtual e un monitor á vez.
Incluso sería posible conectar 3 monitores empregando 2 HDMI e un DisplayPort,
pese a estarmos ante un ordenador bastante compacto.
Facer un equipo compacto e potente normalmente vai acompañado de molestos
ruídos por mor da ventilación precisa para poder refrixerar o equipo, pero
desta volta aseguran que a solución de refrixeración adoptada consegue que o
ruído do equipo se manteña normalmente en só 23 dB.
Este tipo de ordenador busca a súa colocación en salóns domésticos, escritorios
ou outros contornos con espazo reducido ou, simplemente, en LAN parties, ou sexa, para poder gozar
de xogos de elevadas prestacións sen os compromisos de potencia e tamaño de
pantalla que hai que facer no caso dos portátiles.
Aínda que polo momento non sabemos nin prezo nin data de lanzamento, outros
detalles que si se coñecen dos ROG GR8 II é que teñen opción de integrar
unidades SSD M.2 PCIe (a mellor opción para instalar o sistema operativo), unha
baía de 2,5 polgadas moi accesible (para poder instalar un disco duro
adicional), Wi-Fi AC, 2 portos USB 3.1 (tipo C e tipo A) e 4 USB 3.0, Bluetooth
4.2 (para poder empregar mandos sen fíos sen ter que ocupar ningún porto USB
cun receptor) e incluso saída S/PDIF para os que queiran conectar o ordenador a
un sistema de cine en casa.
Vídeo promocional do Asus ROG GR8 II