O primeiro picosatélite galego comezará a fabricarse en outubro deste ano
luns, 4 de maio do 2009
O Cubesat
Developers Workshop, unha cita anual de presentación de iniciativas
tecnolóxicas que organiza a universidade californiana de Calpoly, vén de dar
acollida á presentación internacional do que vai ser o primeiro picosatélite
galego (e primeiro “cubesat” a nivel
estatal), o Xatcobeo, que actualmente se atopa en fase de deseño para ser
construído, previsiblemente, en outubro deste ano.
O proxecto deste picosatélite galego está
a ser desenvolvido por estudantes das escolas de Telecomunicacións, Enxeñaría
Industrial e Informática da Universidade de Vigo, co apoio da Xunta de Galicia
e, segundo vén de explicar o seu principal responsable, Fernando Aguado, a fase
de revisión crítica do mesmo está prevista para o periodo maio-xuño, “de cara a poder fabricar e integrar o
satélite en outubro”.
Estes prazos sinalados por Aguado
permitirán, segundo ten prevista a organización, ter o satélite listo para o
seu lanzamento en decembro de 2009, nembargantes, os investigadores prevén que
esta data oficial “sufra un atraso de
varios meses” e que se lance no segundo ou terceiro trimestre de 2010.