O primeiro reprodutor Blu-ray 4K UHD chega ás tendas norteamericanas
venres, 5 de febreiro do 2016
Tras anunciarse
o pasado mes de setembro, por fin chega ao mercado un reprodutor de discos
Blu-ray con soporte para discos en ultra alta definición, o Samsung
UBD-K8500, que chega acompañado pola película Marte en formato 4K HDR, o que supón a estrea comercial do 4K nun
formato tradicional, cando parecía
que os novos formatos quedarían limitados a plataformas de streaming de vídeo.
Este novo reprodutor non só reproduce os novos discos Blu-ray HD, senón que
tamén é compatible con CD, DVD e Blu-ray normal e 3D, incorporando tamén
funcionalidades de Smart TV (integra Wi-Fi), ou sexa, que é capaz de reproducir
o contido 4K dispoñible en plataformas en liña como Netlfix, de xeito que
estamos ante un dispositivo moi interesante para calquera que teña un televisor
4K e queira gozar de contido audiovisual que aproveite ao máximo a resolución
da súa pantalla.
Ao parecer, a
distribución deste novo reprodutor de Blu-ray aínda será moi limitada, e a
meirande parte das canles de distribución aínda non saben cando o terán
dispoñible, probablemente porque aínda non exista confianza en que existan unha
demanda do público dun dispositivo que ten moi pouco contido 4K dispoñible a
medio prazo e, de feito, as primeiras películas comerciais en Blu-ray 4K UHD
non sairán oficialmente á venda até o 1 de marzo, data na que parece razoable
que sexa na que o reprodutor de Samsung chegue realmente ao mercado,
descoñecéndose polo momento a data na que este novo formato desembarque en
España.
Polo momento está previsto que cheguen ao mercado norteamericano en formato
Blu-ray 4K UHD os filmes Marte, Exodus, Los Cuatro Fantásticos, X-Men:
Días del Futuro Pasado, Kingsman,
Hitman: Agente 47, as dúas entregas
de El Corredor del Laberinto, Alma Salvaje, Chappie, Los Pitufos 2, Hancock, Salt... dando a impresión de que polo momento a 20th
Century Fox sexa a compañía que aposta polo novo formato que busca levar ao
mercado doméstico unha calidade de imaxe equivalente á que pode verse nas salas
cinematográficas, o que pode parecer bastante esaxerado se temos en conta que as
pantallas que temos no fogar teñen uns tamaños moi inferiores, de aí que haxa
tantas dúbidas sobre a demanda comercial do 4K.
- Polo momento o número de filmes que estarán dispoñibles en marzo en formato Blu-ray 4K UHD son uns poucos títulos da 20th Century Fox