O proxector BenQ W1500 pode recibir vídeo 3D Full HD sen fíos

xoves, 8 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Para librar de cables a reprodución multimedia en grande formato no salón BenQ presenta un novo proxector de vídeo para o salón, o BenQ W1500, que grazas á tecnoloxía WHDI permite recibir vídeo Full HD a través da banda dos 5 GHz para que poidamos achegar os contidos dun reprodutor de Blu-ray, un receptor de televisión de pagamento ou unha consola de videoxogos sen ter que empregar cables HDMI. Esta mesma funcionalidade sen fíos tamén pode aproveitarse para amosar contidos dende dispositivos móbiles como o iPad ou o Apple TV.
O BenQ W1500 é un proxector de alta gama, dotado cun par de grandes altofalantes de 10 W que achegan un son de suficiente calidade como para non ter que instalar altofalantes externos, pode proxectar unha pantalla de ata 84 polgadas a unha distancia de só 2 metros, consegue unha boa relación de contraste ao empregar tecnoloxía DLP avanzada e incluso pode reproducir contidos en 3D (contando tamén con tecnoloxía de conversión de contidos 2D a 3D).
Aínda que este proxector Full HD cunha luminosidade de 2.200 lumenes ANSI conte con tecnoloxía WHDI, non esquece a conectividade física, incorporando entradas RCA, S-Video, compoñentes, entrada de mini jack, así como VGA, de xeito que é compatible con practicamente todas as fontes de vídeo habituais. Pode conseguirse por 1.599 euros, deixando claro que estamos ante un dispositivo de altas prestacións.


Vídeo no que ilustran a comodidade que pode supor un proxector de vídeo sen fíos

PUBLICIDADE