O satélite da UVigo Lume-1 volveu a casa este mércores logo de cinco anos de actividade

xoves, 15 de febreiro do 2024 S. P.

O Lume-1, satélite da Universidade de Vigo, vén de concluír a súa misión este mércores 15 de febreiro, tras o seu regreso á atmosfera terrestre. Ao longo do seu lustro de actividade, completou máis de 28.700 órbitas arredor da Terra, percorrendo unha distancia aproximada de 1.300 millóns de quilómetros. A mensaxe de reentrada na atmosfera recibiuse ás 04.04 horas desta madrugada e a última transmisión na estación de Vigo foi rexistrada este martes. O aparello superou con moito o tempo medio de vida útil destes trebellos (entre seis meses e 1 ano). En palabras da UVigo “fíxoo con os seus compoñentes en perfecto estado, o que é pouco común despois de tanto tempo exposto ao ambiente espacial, polo que podemos considerar este proxecto como un éxito tremendo”.
Son palabras do catedrático Fernando Aguado, director do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, ATRG (Aerospace Technology Research Group).
Lanzado en decembro de 2018, un dos obxectivos principais do Lume-1 era validar o sistema de comunicacións Sensor-Terra-Centro de Control–UAV a través da tecnoloxía da Internet das Cousas empregando como plataforma a carga de útil de comunicacións de UVigo TOTEM.
Segundo explica a UVigo “o satélite cumpriu ao 100% cos seus obxectivos”, xa que como apunta o profesor Aguado, “validáronse con éxito non só todas as comunicacións, senón que na súa misión estendida puidéronse incorporar novas capacidades e aplicacións que inicialmente non foron incorporadas á misión debido á capacidade de reprogramación en órbita”. Estas novas aplicacións empregáronse, por exemplo, no marco da cooperación que se iniciou en 2020 entre a UVigo e a Universidade Noruega NTNU, e que, entre outros resultados e publicacións, deu lugar a unha tese de doutoramento codirixida en ambas institucións en base ás medidas do Lume-1.
Porén, o Lume-1 non é o nanosatélite máis lonxevo da UVigo. Dos catro satélites deseñados por investigadores da institución (Xatcobeo, Serpens, Humsat-D e Lume-1), aínda queda en órbita o Humsat-D, que se lanzou en 2013.
O quinto satélite da UVigo agárdase que chegue en 2027, xa que o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais está traballando, entre outros proxectos, no lanzamento dun novo satélite demostrador para o que están a desenvolver unha carga útil de comunicacións láser de alta velocidade.
Volvendo ao Lume-1, a UVigo engade que este aparello supuxo “un paso moi importante na traxectoria do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais ao incorporar o innovador sistema de comunicacións TOTEM, que está baseado no paradigma denominado SDR (Software Defined Radio), ou radio definida por software, que permite actualizar completamente o sistema de comunicacións abordo durante a misión”. A experiencia “foi un éxito”, xa que como destaca o catedrático Fernando Aguado, “TOTEM funcionou sen problema durante toda a vida útil do satélite e, grazas ás súas capacidades de reconfiguración en órbita, puidemos realizar investigacións moito máis avanzadas das que se incluíran para a primeira fase da misión”. En concreto, detalla, realizáronse análises de fontes de interferencias de radio arredor de todo o planeta, ensaios de comunicacións e adquisición de datos de posicionamento de aeronaves, entre outros. Ademais, engade o responsábel do grupo, “este desenvolvemento punteiro” foi transferido a Alén Space, spin-off da Universidade de Vigo, “que o comercializa en múltiples misións a nivel mundial”.
Un dos obxectivos desta misión era testar a eficacia do satélite Lume-1 na loita contra os incendios forestais no marco do proxecto FIRE-RS, unha iniciativa froito da cooperación entre as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Industrial, Informática e Areonaútica e do Espazo, xunto co centro de investigación atlanTTic (a través dos grupos de Tecnoloxías Aeroespaciais e Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas), o grupo CIMA, do Cintecx, o Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada e dous socios europeos.
As probas, que se realizaron en contornas controladas mediante lumes reais nas instalacións de Seganosa co apoio da AXEGA, permitiron “comprobar o perfecto funcionamento tanto da plataforma do satélite e da carga útil de comunicacións, como dos sensores en terra desenvolvidos para detectar lume”. Esta liña de investigación tivo posteriormente continuidade no proxecto europeo FIRE-Poctep, do que formaban parte 12 socios españois e portugueses, entre eles o grupo de Enxeñaría de Recursos Naturais e Medio Ambiente e o grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais. As achegas da UVigo neste proxecto estiveron centradas tanto na análise dos lumes forestais como na inclusión dun módulo de axuda á pilotaxe nocturna de drons para o control e extinción de incendios.

PUBLICIDADE