O sector TIC galego pon a súa ollada no Brasil
xoves, 25 de novembro do 2010
A Asociación Galega de Empresas Adicadas a
Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) atópase dende o pasado luns, 22 de
novembro, en Brasil, onde está a ser recibida polas compañías tecnolóxicas máis
relevantes do país co obxectivo de buscar sinerxías de traballo e poder
compartir coñecemento no tocante ás TIC.
A visita, que dende a entidade cualifican como
“misión tecnolóxica”, rematará o
vindeiro sábado 27 de novembro, non sen antes visitar Sao Paulo e Florianópolis,
os dous centros de desenvolvemento estratéxico das TIC no país suramericano,
onde as nosas empresas terán oportunidade de comprobar de primeira man os
mecanismos que están levando a Brasil a consolidarse como unha das grandes
potencias económicas a nivel mundial. Alí, ademais de coñecer diversas empresas
e institucións, a expedición galega terá a oportunidade única de celebrar
reunións comerciais coas compañías sobranceiras do sector.
Este proxecto, que está cofinanciado polo
Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ten como principal obxectivo a
transferencia de tecnoloxía e o intercambio de coñecemento entre as empresas
que forman parte de EGANET e os centros máis punteiros de Brasil, onde asemade,
se intentarán concretar negocios e abrir novas vías de colaboración.
O interese por ver e experimentar in
situ os novos xeitos de traballar dos centros tecnolóxicos deste país
débese, segundo informan dende a entidade, “ao
intenso crecememento económico experimentado nestes últimos anos e á perspectiva
de que o seu mercado sexa un referente a nivel mundial a curto prazo”.
Esta é a segunda ‘misión
tecnolóxica’ que organiza EGANE. A primeira delas realizouse aos países
nórdicos entre o 24 e o 30 de outubro e ao igual que a que nos ocupa, estivo cofinanciada
polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
No brasil, a delegación de Eganet xa leva visitados o Instituto de Pesquisas Tecnológicas (ITP) e o
Centro de Tecnologia da Informação, Automação e Mobilidade (CIAM), adicado a sistemas corporativos, redes e
seguridade dixital, sistemas de enxeñería, mobilidade e telemática aplicada aos
transportes, etc. Coñeceron
tamén Unicom, unha compañía que ofrece solucións tecnolóxicas para soportar altas demandas de
eficacia na xestión.
Ao longo do día de hoxe, e seguindo o
intenso plan de visitas programadas, serán recibidos no ITESCS e na Agência
de Desenvolvimento Econômico do Grande ABC, organismo formado por institucións
públicas e privadas que traballan para o desenvolvemento económico sustentable
da Região do Grande ABC.
Mañán desplazaranse a Florianópolis para
coñecer de primeira man a Fundação CERTI (Centro e Referência em Tecnologias Inovadoras)
e a incubadora CELTA. O derradeiro día abriranlle as portas de Labelectron,
un laboratorio-fábrica de desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos e de
manufactura de produtos electrónicos, e o Sapiens Parque, onde se promove o
desenvolvemento do turismo, a tecnoloxía e o medio. Por último, e co obxectivo
de concretizar as posibilidades de negocio transatlántico entre Galicia e
Brasil, o manterán un encontro coas empresas e centros de referencia do país.
Na imaxe, o presidente de Eganet, Víctor López
–no centro da imaxe-, e outros membros socios, nunha reunión comercial con
persoal das empresas estratéxicas de tecnoloxías de Sao Paulo.