O teclado encartable de Microsoft sae á venda

martes, 14 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona Microsoft deu a coñecer un novo teclado universal Bluetooth que pode dobrarse pola metade para facilitar o seu transporte, e finalmente o dispositivo convértese nun produto de mercado, podéndose adquirir na tenda oficial en liña de Microsoft a un prezo de 109,90 euros.
Este teclado é delgado, encartable e con teclas de tamaño normal, de xeito que resulta relativamente cómodo para traballar, destacando por ser compatible con iPhone, iPad, tabletas Android, Windows e Windows Phone, podendo emparellarse con 2 dispositivos ao mesmo tempo. Amais tamén é resistente a derrames de líquidos e a súa batería recargable achégalle unha autonomía de 3 meses cunha única carga.
Este produto resulta especialmente atractivo para usuarios que queren poder escribir documentos ou correos electrónicos en mobilidade, sen ter que depender dun ordenador tradicional, podendo así optar incluso por un smartphone ou unha tableta para certas tarefas, sen ter que padecer as limitacións que impoñen as pantallas táctiles.

PUBLICIDADE