O último NAS de TerraMaster pode conectarse até a 10 Gbps
mércores, 22 de xullo do 2020
Como solución de almacenamento en rede TerraMaster ten bastantes
produtos cunha boa relación calidade-prezo aos que vén de incorporarse o NAS
profesional de 4 baías F4-422, que non só está equipado cun procesador Celeron
de 4 núcleos a 1,5 GHz, 4 GB de memoria DDR3, 2 portos Gigabit Ethernet e 2
portos USB 3.0, senón que tamén inclúe un porto 10 Gigabit Ethernet, ou sexa,
que pode entregar datos a grande velocidade valéndose dunha tecnoloxía de rede
local de cable de alto rendemento, que actualmente aínda é moi pouco habitual.
O TerraMaster
F4-422 está orientado a pequenas e medianas empresas que queren ter unha
solución NAS fiable e rápida, capaz de soportar até a 500 usuarios simultáneos.
É posible configurar as unidades de disco instaladas neste NAS en distintos
modos RAID e, para ofrecer un rendemento superior, tamén é posible acelerar o dispositivo
mediante unha unidade SSD para facer de caché (o que melloraría a eficiencia do
almacenamento en máis do 20%).
Este dispositivo que sae á
venda por 499,99 euros sen discos pode equiparse con até 4 unidades de
disco de 16 TB cada unha , sumando así un total de 64 TB de capacidade, o que
resultaría moi práctico como almacenamento masivo de datos en contornos
empresariais ou para, por exemplo, traballar con vídeos de ultra alta
definición.
Ao estar destinado a un público corporativo, este tipo de unidades non esquecen
a seguridade, de xeito que contan con mecanismos de copias de seguridade
automáticas programadas, cartafoles cifrados por hardware AES, sistema de
arquivos Btrfs (que busca previr a corrupción dos datos) e outras medidas de
protección (como os mencionados modos RAID) para garantir un almacenamento seguro
da información.
Tal e como vén configurado este NAS poderiamos dicir que é unha proposta de
grande velocidade que levaría á máxima expresión os sistemas de almacenamento
en rede baseado en discos mecánicos, ou sexa, que para poder conseguir unha
velocidade maior resulta inevitable a aposta pola tecnoloxía de almacenamento
baseada en memorias de estado sólido.