O xogo galego Egg Savior supera as 100.000 descargas en Corea

luns, 24 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

As plataformas móbiles están a converterse en canles ideais para que os pequenos estudos de videoxogos poidan acadar éxito internacional, e así coma na App Store tivese moi boa acollida o lugués Battle of Puppets de Small Wonders, se miramos aos móbiles con Android temos a Egg Savior, un sinxelo título desenvolvido por Rubén López, autor da popular aplicación OTempo para Android, que consiste na colocación de obxectos ao longo de distintos escenarios para facilitar que unha pita chegue a onde está o seu ovo antes dun tempo determinado para evitar que o rouben os ladróns, mecánica xa presente en moitos títulos clásicos, pero que desta volta destaca pola súa mecánica de reutilización de pezas en retos contra o reloxo.
Curiosamente Egg Savior é un xogo que está a pasar desapercibido no Android Market, mentres que na T-store coreana conseguiu situarse na primeira posición de videoxogos gratuítos, superando as 100.000 descargas e pouco máis dunha semana, o que animará ao autor do xogo a lanzar novas actualizacións e incorporar novos niveis para estender a vida do título.
Resulta difícil xustificar a boa recepción do xogo no mercado coreano, o que podería responder a diferenzas culturais, pero nunha ocasión máis queda evidente o potencial da internacionalización do software galego, destacando que nesta ocasión estamos ante un desenvolvemento individual, en vez dun traballo dun estudo profesional, o que engade mérito a este éxito.


Trailer do xogo para Android

En Egg Savior debemos evitar que os ladróns rouben os ovos da nosa pita
Egg Savior conseguir liderar a categoría de xogos de balde na T-store coreana

PUBLICIDADE