Olympus presenta unha das cámaras deportivas máis completas do mercado

martes, 24 de maio do 2016 Marcus Fernández

Parece que cada día a marca GoPro o vai ter máis complicado para remontar as súas vendas, xa que a competencia non para de poñerllo complicado, e agora é a propia Olympus a que lanza unha impresionante cámara de acción da serie Tough, a TG-Tracker, que presume de non ter puntos febles ao coidar por igual a calidade de imaxe, a selección de disparo e a duración da batería, á vez que o seu corpo é resistente dabondo para que podamos levar a cámara aos máis variados contornos.
A TG-Tracker conta cunha empuñadura extraíble, obxectivo superangular, estabilización de imaxe de 5 eixes e pantalla LCD abatible, conseguindo así unha versatilidade difícil de atopar noutra cámara desta categoría. O seu nome tamén dá unha boa pista dunha das súas prestacións: a cámara ofrece múltiples capacidades de seguimento e de rexistro da información de campo, de xeito que coa aplicación de balde Olympus Image Track Ver. 2.0 os usuarios poderán revistar as súas aventuras ao aire libre consultando información como a altitude ou profundidade, a temperatura da auga e do aire, a xeolocalización, dirección e velocidade de movemento. Tamén é compatible con múltiples arneses e monturas doutras marcas para facilitar a súa integración con equipamento deportivo e de aventura.
Sobre a resistencia da TG-Tracker, podemos dicir que pode somerxerse ata a 30 metros de profundidade, soporta o po, pode operar ata a 10 graos baixo cero, resiste caídas dende 2,1 metros de altura e compresión de ata 100 quilogramos de peso.
Pode rexistrar fotografías de ata 8 Mpíxeles e gravar vídeo de ata 4K a 30 imaxes por segundo (chegando a soportar ata 720p a 240 cadros por segundo) que almacena en tarxetas microSD de ata 128 GB. O seu obxectivo superangular presenta un ángulo de visión completo de 204 graos, o que permite revivir fielmente as experiencias pasadas, mentres que coa aplicación OI.Share podemos importar facilmente as aventuras ao noso smartphone para así poder compartilas coas nosas redes sociais favoritas (podendo aproveitarse tamén so dispositivo móbil a xeito de mando a distancia).
Para facernos con esta impresionante máquina teremos que agardar ao mes de xullo, cando estará dispoñible a un prezo recomendado de 349 euros.

Vídeo promocional da Olympus TG-Tracker