Olympus presenta unha nova cámara compacta cun estabilizador óptico de imaxe de 5 eixes

luns, 31 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A finais do mes de abril Olympus vai incrementar a súa familia de cámaras Stylus coa nova SH-1, unha cámara dixital compacta de deseño coidado que non só goza dun xeneroso zoom óptico de 24x, senón que tamén presume de ser a primeira cámara deste tipo en integrar un sistema de estabilización óptica de 5 eixes que pode empregarse tanto en fotografías como en vídeo. Tamén integra Wi-Fi, para axilizar a compartición de fotografías e permitir o disparo remoto da cámara dende un smartphone.
A Olympus Stylus SH-1 herda o deseño da familia Olympus PEN, cunha parte superior fabricada en aliaxe de aluminio e uns elementos sobresalientes para facilitar o agarre, acabado en 3 cores distintas (negro, branco e prata), sensor CMOS retroiluminado de 16 Mpíxeles, gravación de vídeo en Full HD a 60 imaxes progresivas por segundo, función de time lapse (permitindo converter unha gravación de entre 5 minutos e 5 horas nun vídeo de 20 segundos) e tamén pode rexistrar vídeo a 720p a 120 imaxes por segundo ou a 432 x 324 píxeles a 240 imaxes por segundo, o que permite crear impresionantes secuencias en cámara lenta.

A Olympus Stylus SH-1 presenta un acabado moi coidado

PUBLICIDADE