Olympus presenta unha radio que pode gravar até 2.500 horas de programas

martes, 27 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Nestes tempos que corren, xa non chega con ver a televisión, escoitar a radio ou visitar unha web. Temos que almacenar o que vemos ou escoitamos ou, polo menos, ter a seguridade de que se nos peta gardar toda esa información, poderemos facelo (aínda que logo non o fagamos nunca). O caso é que hai coleccionistas de todo tipo, e hai a quen lle gusta gravar a De Los Santos en casete para logo escoitalo de novo pola noite con íntima satisfacción. En fin, para todos eles e para os que tamén escoitan radio de xeito o fabricante xaponés Olympus semella que lles vén de botar un cabo. E faino co receptor de radio FM/AM que vemos na imaxe e que leva un disco duro que pode amorear até 2.500 horas de programación.
A súa feitura e tamaño é de radio espertador deses que adoitamos a poñer na mesiña de noite, aínda que probablemente non estea preparado para as labazadas que normalmente se lles lanzan a estes trebellos cando se nos atravesa o seu son teimudo. A capacidade de almacenamento do aparello de Olympus é de 37 xigaoctetos, e permite gravar de xeito directo programas en formato dixital (WMA ou MP3) con tres opcións de calidade, o que nos deixará marxe para manexarnos entre as 625 horas de contidos radiofónicos ou as 2.500, depende da importancia que lle deamos ós programas.
A pregunta que nos podemos facer é: que pasa cando o disco duro bota por fóra de intervencións de José María García? Segundo apunta Olympus, pódense envorcar os datos nun computador para logo seren gravados nun CD ou noutro soporte.

PUBLICIDADE