OnePlus X, o teléfono chinés que busca o éxito cun elegante deseño e contendo o seu tamaño de pantalla

xoves, 29 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Tras o éxito do OnePlus One, o fabricante de móbiles chinés nacido de Oppo, que aspira a converterse en todo un referente como alternativa aos teléfonos insignia dos fabricantes máis importantes, lanzou un OnePlus 2, terminal que actualmente pode mercarse por 399 euros na súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, o que claramente non está ao alcance de moitos, de aí que quixeran ampliar mercado presentando o OnePlus X, un smartphone que promete converterse nun grande éxito ao contar cun deseño elegante e un prezo máis contido: sairá á venda o 5 de novembro por un prezo que parte dos 269 euros.
Este novo terminal chegará inicialmente cun deseño en cristal negro Onyx, para contar máis adiante unha edición limitada con acabado cerámico, elementos que combinan á perfección cun marco metálico moi elegante. Pero non só estamos ante un móbil cun bo deseño, senón que tamén presume dunha rápida cámara traseira de 13 Mpíxeles e unha cámara frontal de 8 Mpíxeles (que conta cun Beauty Mode para os seareiros dos selfies). Este smartphone 4G con dobre SIM (podendo empregarse o espazo da segunda SIM para ampliar a súa capacidade interna mediante unha tarxeta microSD de até 128 GB) opta por unha pantalla OLED Full HD de 5 polgadas (conseguindo así finalmente agradar aos usuarios que consideran demasiado grande os anteriores móbiles de OnePlus) e un procesador Qualcomm Snapdragon 801 de 4 núcleos a 2,3 GHz e gráfica Adreno 330, con 3 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno. Conta con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e sistema operativo OxygenOS baseado en Android 5.1.1, e como principal eiva teriamos que a súa batería sería de só 2.525 mAh.
Como vén a ser habitual nesta compañía, para mercar o teléfono é preciso contar cunha invitación, o que fai que a súa dispoñibilidade inicial sexa moi limitada.

O OnePlus X pode funcionar con dúas SIM ou cunha SIM e unha tarxetas microSD

Vídeo promocional do OnePlus X

PUBLICIDADE