OnlyFans pechará a porta ao sexo explícito

venres, 20 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Moitos creadores de contido fan uso de plataformas como Patreon para conseguir mecenas que sosteñan a súa actividade a cambio de recompensas de distinto tipo, e nesta liña existe dende hai anos OnlyFans, servizo británico que ten unha grande diferenciación con respecto a outras plataformas: permitir contido non recomendado para menores de idade.
O feito de que OnlyFans aceptase material prohibido na meirande parte de plataformas sociais provocou que os contidos eróticos e pornográficos puidesen atopar unha plataforma de comercialización directa, de xeito que dende creadores afeccionados até profesionais da industria do porno conseguen facer cartos na Rede reducindo intermediarios.
Este tipo de contidos, que foron os que provocaron a popularidade de OnlyFans (aínda que hai moitos creadores que producen contidos moito máis tradicionais, como ilustracións, música, fotografías, receitas de cociña, sesións de adestramento persoa... carentes de calquera erotismo), curiosamente van limitarse a partir do mes de outubro, cando OnlyFans prohibirá os vídeos sexualmente explícitos, ou sexa, que permitirán o erotismo e os espidos, pero non o sexo explícito, o que aseguran que débese a presións por parte de socios e investidores.
Aseguran que as novas normas de OnlyFans entran en vigor «para garantir a sustentabilidade a longo prazo», ou sexa, que para manter o pulo da compañía deciden deixar fóra á industria do sexo, que foi a que impulsou o proxecto nos seus primeiros anos.
O curioso deste cambio de política é que dende BBC News insinúan que a motivación real de OnlyFans para este cambio de normas é unha reacción á filtración de documentación interna da compañía na que se amosa a permisividade ante contidos ilegais, entre os que destacan a venda de contidos sexuais por parte de menores de idade. O medio británico asegura que os moderadores detectaron casos de prostitución, zoofilia, coprofaxia e, probablemente, incesto, así como tratos denigrantes como pagar a un indixente para practicar sexo diante da cámara; e ante este tipo de violacións das normas do servizo, non tomaban medida tallantes (recomendaban non actuar aos moderadores salvo en casos reiterados de incumprimento). Da documentación pode entenderse que o nivel de tolerancia reláxase en función da cantidade de ingresos que teña unha conta en concreto.
BBC News, pese ás declaracións de OnlyFans sobre a rareza de certas violacións das condicións do servizo, destacou a facilidade coa que era posible localizar publicidade de servizos de prostitución na plataforma, á vez que comprobaron como na meirande parte dos casos non se tomaban medidas para pechar ese tipo de contas, o que dificulta que a plataforma poida lavar así a súa imaxe, de aí que opten por mudar de rumbo para mellorar o seu futuro económico.

PUBLICIDADE