Oppo presenta un móbil encartable

mércores, 15 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O Oppo Find N venderase en 3 cores distintas

Aínda que parecía que Samsung ía quedar como o único fabricante que tomase en serio os smartphones encartables, por fin parece que teremos un serio competidor para o Galaxy Z Fold3 5G, o novo Oppo Find N, que chegará ao mercado chinés o vindeiro día 23 a prezos que oscilan entre os 7.699 e os 8.999 iuans (1.073-1.254 euros ao cambio). Polo momento non deron detalles sobre un posible lanzamento europeo.
O novo smartphone adopta un tamaño máis compacto que o de Samsung, cunha pantalla externa de 5,49 polgadas para poder empregar o dispositivo pechado coma se fose un smartphone ordinario, e cunha pantalla encartable de 7,1 polgadas (cun refresco variable de até 120 Hz) que presume do feito de que a súa dobrez nótase moito menos que a do seu competidor.
O Oppo Find N desbloquéase mediante un lector de impresións dixitais lateral, ten cámaras de 32 Mpíxeles perforadas en ambas pantallas e na súa traseira presenta unha cámara tripla que combina sensores principal, grande angular e teleobxectivo de 50, 16 e 13 Mpíxeles respectivamente. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 888, 8/12 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento, batería de 4.500 mAh con carga rápida de 33 watts mediante cable e 15 watts sen fíos, e sistema operativo Android 11 con ColorOS 12 (detalle que resulta un tanto sorprendente, xa que sendo un dispositivo innovador o normal sería que xa chegase con Android 12).

Vídeo promocional do Oppo Find N

PUBLICIDADE