Orange comercializa un tablet de 7 polgadas con Android 3.2

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

Xa está dispoñible en España o tablet Orange Tahití, que vén a ser unha versión do Huawei MediaPad comercializada polo operador de France Telecom, que aspira a converterse nun atractivo tablet de entrada co sistema operativo Android 3.2 e cun prezo de 329 euros que pode baixar ata os 69 euros asociándoo a unha tarifa Internet Everywhere 39 ou 209 euros coa tarifa Internet Everywhere 23 (ambas cunha permanencia de 24 meses). Tamén está dispoñible no catálogo de puntos Orange.
Estamos ante un tablet con pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles (superior á meirande parte de tablets deste tamaño), un procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de capacidade interna ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, GPS, cámaras de 5 e 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1 e batería de 4.100 mAh (o que permite unha autonomía dunhas 6 horas). O trebello mide 190 x 124 x 10,5 milímetros e pesa uns 390 gramos, e aínda que poida adquirirse a un prezo bastante axustado, non parece ter chegado ao mercado nun momento e nunhas condicións que o fagan atractivo (pois están a saír dispositivos con Android 4.0 a prezos moi competitivos).

O Orange Tahiti está baseado no Huawei MediaPad

PUBLICIDADE