Os Beats Studio Buds ofrecen cancelación de ruído e conexión rápida en iOS e Android

luns, 14 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Apple vén de pór á venda os novos auriculares true wireless con cancelación de ruído Beats Studio Buds a un prezo de 149,95 euros, o que podemos ver como unha alternativa económica aos AirPods Pro (que teñen un prezo de 279 euros), aínda que o seu auténtico punto forte é que buscan funcionar de xeito atinado tanto con dispositivos de Apple como con Android, de xeito que en iOS funcionarían de xeito semellante a uns AirPods, mentres que en Android tamén poderían conectarse de xeito rápido (cun único toque) e cargarse a través de USB-C.
Estes auriculares sen fíos son resistentes á auga e á suor (IPX4), teñen almofadas brandas en 3 tamaños distintos (para adaptarse a distintos ouvidos, combinando comodidade e illamento acústico), teñen 8 horas de autonomía (até 24 horas se contamos as recargas do seu estoxo) con reprodución normal (5/15 horas coa cancelación de ruído), poden activarse dicindo «Oye Siri», promete unha boa calidade de son en chamadas e só pesan 5 gramos cada auricular e 48 gramos o estoxo.
Chegarán ao mercado este verán en cor branca, negra ou vermella Beats, e posiblemente sexan un produto de grande demanda, ao ser dunha marca propiedade de Apple, aínda que cómpre advertir de que estes auriculares carecen do chip W1, polo que non gozan das facilidades multidispositivo dos AirPods.

O botón integrado no estoxo dos auriculares serve para conectar os auriculares ao dispositivo (iOS ou Android) ao que teñamos os auriculares emparellados

PUBLICIDADE