Os Moto G5 e G5 Plus estrean edicións especiais

martes, 1 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Os Moto G5 e Moto G5 Plus foron os primeiros smartphones da familia Motorola en ter carcasa de aluminio, destacando o modelo Plus pola súa cámara con apertura f/1.7 que a situaba entre o mellor da súa gama, e agora estes terminais estrean edición especial que incorporan novas prestacións e melloran as súas especificacións, aínda que os cambios introducidos afectan ao prezo dos dispositivos, que vese lixeiramente incrementado.

O Moto G5S mellora en batería, pantalla e a cámara frontal

O Moto G5S está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 430, a súa pantalla Full HD medra até as 5,2 polgadas, prescinde do modelo con 2 GB de RAM e véndese xa de saída con 3GB de RAM, o seu almacenamento interno pasa de 16 a 32 GB (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), a súa cámara traseira pasa de 13 a 16 Mpíxeles, a cámara frontal mantén os 5 Mpíxeles pero mellora a súa apertura (agora f/2.0) e incorpora Flash LED, a súa batería medra até os 3.000 mAh con TurboPower que permite 5 horas de enerxía con só 15 minutos de carga e, en consecuencia, o seu peso increméntase lixeiramente até os 157 gramos. De serie chega con Android 7.1 e o seu deseño externo é lixeiramente diferente ao do seu predecesor, polo que podemos entender que a semellanza no nome busca principalmente herdar a sona dun modelo de éxito. O seu prezo partirá dos 249 euros.

As cámaras dobres non son exclusivas da gama alta

Os cambios no Moto G5S Plus son menores en número, pero maiores en impacto, pois non só a súa pantalla Full HD pasa de 5,2 a 5,5 polgadas e a cámara frontal mellora a súa apertura e resolución (agora conta cun sensor de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0 e flash LED), senón especialmente por substituír a moi destacada cámara frontal de 12 Mpíxeles con apertura f/1.7 por unha cámara dual de 13 Mpíxeles con apertura f/2.0, o que xogar coa profundidade de campo para conseguir imaxes cun acabado máis profesional. Desta volta sorprende que as funcións da dobre cámara estean dispoñibles a posteriori, ou sexa, que podemos facer o enfoque selectivo despois de disparar a fotografía e incluso pode eliminarse o fondo dunha imaxes e substituílo por unha imaxe da biblioteca de Google Fotos. Este modelo superior tamén conta con NFC e Android 7.1, e o seu incremento de tamaño afectou tamén ao seu peso (agora de 168 gramos). O seu prezo de venda partirá dos 299 euros.

PUBLICIDADE