Os Pixel 6 e 6 Pro funcionarán cun procesador deseñado por Google

luns, 2 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro outono chegarán ao mercado os novos smartphones insignia de Google, o Pixel 6 e o Pixel 6 Pro, e dende a compañía de Mountain View quixeron adiantar un detalle moi significativo destes novos terminais móbiles: funcionarán cun System on a Chip (SoC) de seu, o Google Tensor, ou sexa, que Google quixo afondar na personalización do hardware dos seus futuros móbiles para poder dar un paso adiante na súa aplicación da intelixencia artificial.
Con Tensor a fotografía computacional propia dos dispositivos Pixel irá un paso máis adiante, e tamén mellorarán detalles como o recoñecemento de voz (para recibir ordes, realizar traducións ou mesmo producir subtítulos de xeito automático), mentres que a incorporación dun chip Titan M2 tamén ofrecerá unha maior seguridade.
Aínda que haberá que agardar ao outono para coñecer detalladamente o que ofrecerán estes móbiles que chegarán con Android 12 e Google Tensor, adiantan que contará cun módulo de cámaras moi diferente ao que estamos afeitos, que ocupará a parte traseira do teléfono de lado a lado para poder incluír grandes sensores, o que dará aos móbiles unha estética moi particular que tamén prometen unha boa sensación de agarre cos seus acabados en aluminio.
O Pixel 6 Pro terá unha pantalla QuadHD+ de 6,7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 HZ e 3 cámaras traseiras (unha grande angular, un ultra grande angular e un zoom óptico 4x), mentres que o Pixel 6 conformaríase cunha pantalla Full HD+ de 6,4 polgadas e un refresco de 90 Hz, perdendo o teleobxectivo.
The Verge asegura que os Pixel 6 melloran considerablemente o apartado fotográfico e moi especialmente a gravación de vídeo, de xeito que a maxia que normalmente fan os móbiles Pixel chegaría aos vídeos 4K a 30 imaxes por segundo grazas a Tensor, podendo superar en cámara a móbiles como o iPhone 12 Pro, polo que este outono teremos unha interesante competición entre Apple e Google.

PUBLICIDADE