Os Powerbeats Pro contarán co chip H1 dos novos AirPods

mércores, 3 de abril do 2019 Marcus Fernández

A revisión dos AirPods de Apple trouxo consigo o novo chip H1, que supón unha importante mellor en prestacións dos auriculares sen fíos máis populares do mercado, e dende Apple consideraron importante levar ese nivel de innovación á súa marca Beats, de aí que agora presenten os Powerbeats Pro, uns auriculares deportivos de alto rendemento totalmente sen fíos que en maio estarán dispoñibles a un prezo de 249,95 euros.
Estes auriculares son claramente diferentes en deseño dos AirPods, cor contar cunha forma que deixa claro que buscan empregarse na práctica deportiva, xa que teñen un agarre máis firme (tanto polos seus enganches como por contar con almofadas intercambiables de 4 tamaños distintos), así como resistencia á suor e á auga. A súa batería achega unha autonomía de até 9 horas de reprodución, que grazas á seu estoxo de carga pode chegar a unha autonomía total de máis de 24 horas.
Ao igual que cos novos AirPods, o Powerbeats Pro tamén poderán gozar de Siri en mans libres, ou sexa, que con dicir «Oye Siri» será posible invocar ao asistente de voz de Apple se empregamos un dispositivo con iOS (con outros sistemas operativos móbiles tamén poderemos invocar ao correspondente asistente de voz premendo un botón). Os auriculares contan con botóns para subir e baixar o volume, a reprodución iníciase e detende ao pór e quitar os auriculares, e o botón b tamén pode empregarse para rexeitar chamadas (xa que estes auriculares tamén funcionan como sistema de chamadas en mans libres para o móbil).
Temos así o equivalente de Beats dos AirPods, que grazas a contar cun deseño diferente melloran as súas prestacións, aínda que esteticamente son moito menos discretos.

Os Powerbeats Pro están orientados á práctica deportiva

Vídeo de presentación dos Powerbeats Pro

PUBLICIDADE