Os Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos renderán homenaxe ao profesor Manolo Ramos

luns, 29 de abril do 2024 S. P.

Os Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos van homenaxear este ano ao profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manolo Ramos, falecido en 2022. Esta terceira edición dos galardóns constará dunha soa categoría, a de mellor traballo de investigación, que levará o nome do docente e que nace, segundo informou a UVigo, como “unha oportunidade para recoñecer o labor do cadro docente e investigador en relación coa localización de videoxogos, así como para fomentar liñas de traballo futuras”.
Os Premios ETIV-UVigo son uns galardóns institucionais organizados pola Universidade de Vigo e o grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV). Este título foi concibido no curso 2018-2019 polo profesor e investigador Óscar Ferreiro, coa innovadora idea de establecer os primeiros estudos de especialista neste eido impartidos por unha universidade pública. A iniciativa, lembra Ferreiro, “xurdiu grazas ao apoio dos profesores Ramón Méndez e José Yuste, pero contou tamén coa importante axuda do entón e sempre vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manolo Ramos, quen apoiou o proxecto”. Precisamente pola súa axuda agora nace esta nova categoría de premio, que foi presentada polo profesor Ferreiro ao seu equipo na II Gala dos premios ETIV-UVigo en 2023. Ferreiro explica que esta distinción, concibida para honrar a un dos actores do título ETIV, “chegou para quedar e será un tributo continuo nos premios ETIV-UVigo, dando entrada xa á sétima edición do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) para o curso 2024-2025”.
Engadiu que este novo premio está aberto á participación de persoal docente e investigador de calquera universidade española ou estranxeira. Para poder concorrer só é preciso ter contrato, ben sexa a tempo completo, ben sexa parcial, durante un período mínimo dun ano entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2023, nunha institución de educación superior.
Os traballos que se presenten deberán ter relación directa coa localización de videoxogos e estar redactados en español, galego, catalán, éuscaro, inglés, francés ou portugués. No caso de que se trate dunha publicación con varios autores, só será rexistrado por unha persoa e a candidatura terá que ser validada por cada un dos autores.
A selección dos traballos será realizada por unha comisión de avaliación que recoñecerá o labor realizado polas persoas investigadoras cuxos traballos representen un alcance significativo no campo da localización de videoxogos, premiando aquelas contribucións que presenten maior capacidade de avance do coñecemento producido nesta disciplina. O prazo de inscrición estará aberto entre o 1 de maio e o 31 dese mesmo mes.
Os premios ETIV-UVigo, que se conceden dende 2021, recoñecen o bo traballo das persoas do oficio da localización de videoxogos, en palabras dos impulsores “un eido de gran relevancia na actualidade que é xa un mercado profesional de gran capacidade empregadora, porque o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, dende a unha única persoa até un milleiro delas”.

PUBLICIDADE