Os drons DJI Mavic 2 estrean mando a distancia con pantalla

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Os drons de DJI poden manexarse co smartphone, pero é habitual facerse cun mando a distancia no que introducir o móbil, que engade pancas físicas de control e mellor a cobertura da comunicación entre teléfono e dron, pero como unha solución máis sólida a familia de drons Mavic 2 está a estrear o DJI Smart Controller, un mando a distancia que non precisa de smartphone para funcionar, xa que integra unha luminosa pantalla Full HD de 5,5 polgadas e a aplicación DJI GO 4, conseguindo un manexo óptimo do dron en exteriores.
Este mando comunícase co dron nas frecuencias de 2,4 GHz e 5,8 GHz, cambiando automaticamente entre as mesmas para conseguir a mellor conexión posible, sendo capaz de achegar vídeo Full HD grazas á tecnoloxía OcuSync 2.0, podendo chegar tamén a manexar o dron a unha distancia de até 8 quilómetros.
O DJI Smart Controller conéctase co dron en canto se acende, facilitando así que non perdamos nin un segundo da acción, e as súas pancas de control son desmontables para facilitar o seu transporte. A súa batería de 5.000 mAh con carga rápida achégalle unha autonomía de até dúas horas e media, e o seu prezo de venda é de 649 euros.

PUBLICIDADE