Os iMac póñense ao día

martes, 3 de maio do 2011 Marcus Fernández

A tenda en liña de Apple pechou hoxe durante un tempo para recuperar o funcionamento incorporando no seu catálogo un novo modelo de iMac, o ordenador todo-en-un que conserva os seus tamaños de 21,5 e 27 polgadas, pero que renovouse por dentro para mellorar a súa potencia e incorporar portos Thunderbolt como xa vimos nos últimos MacBook Pro. Destes últimos equipos tamén colles a cámara FaceTime HD, pensada para a realización de videoconferencias con outros equipos de Apple e mesmo con dispositivos móbiles como o iPhone ou o iPad 2.
Os novos iMac parten dun tamaño de pantalla de 21,5 polgadas e unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, un procesador Intel Core i5 con 4 núcleos a 2,5 GHz, 4 Gb de RAM, disco duro de 500 Gb, gráfica Radeon HD 6750M de AMD con 512 Mb de memoria e 1 porto Thunderbolt por un prezo de 1.149 euros; o modelo base máis elevado sería o de pantalla de 27 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, cun procesador Intel Core i5 de catro núcleos a 3,1 GHz (configurable cun Core i7 a 3,4 GHz), 4 Gb de RAM, 1 Tb de disco duro, gráfica Radeon HD 6970M de AMD con 1 Gb de memoria e 2 portos Thunderbolt por 1.899 euros.
Calquera destes equipos pode configurarse con ata 16 Gb de RAM, permiten a súa adquisición cun Magic Mouse ou cun Magic Trackpad, inclúen un teclado sen fíos e gozan de conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 2.1. Agás no modelo más básico mencionado, é posible configurar os iMac con discos duros de ata 2 Tb e unidades de memoria sólida de ata 256 Gb, así como con procesadores Core i7.
En definitiva, con esta actualización o iMac abraza definitivamente os procesadores de 4 núcleos, mellora a velocidade das súas gráficas ata chegar a triplicala e integra portos Thunderbolt e cámara FaceTime HD, cambios que aínda que non son moi profundos, poñen ao día un equipo apto tanto para o uso doméstico como para un esixente uso profesional.

PUBLICIDADE