Os nosos enxeñeiros de Telecomunicación organizan unha visita ao CESGA o vindeiro 3 de febreiro

luns, 9 de xaneiro do 2023 S. P.

Coincidindo co inicio do novo o ano a Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG-COETG) retoma as actividades de carácter tecnolóxico que organiza regularmente en exclusiva para asociados/colexiados, co obxectivo de fomentar o networking, a formación continua e os contactos directos con empresa, entidades e profesionais. O programa comeza cunha actividade moi destacada: unha visita ás instalacións do CESGA.
A iniciativa está prevista para o venres día 3 de febreiro ás 12 horas. A axenda estará constituída por unha visita guiada ás instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia -CESGA- facendo un percorrido polas súas dependencias e coñecendo de primeira man sos seus recursos avanzados da man do director do centro, Lois Orosa.
Dende a AETG-COETG recomendan que “por cuestións de aforo as persoas interesadas confirmen a asistencia antes do día 27 de xaneiro ás 10:00 horas”.
Lembrar que o CESGA está de plena actualidade esta tempada por dúas relevantes cuestións para o seu futuro: por unha banda a inauguración en setembro do seu novo e potente supercomputador, o Finisterrae III, e pola outra a vindeira instalación no seu seo dun computador cuántico chamado a converterse nun referente europeo na materia.