Os novos Google Pixel 3a saen á venda por a partires de 399 euros
martes, 7 de maio do 2019
Nos
últimos anos os smartphones de Google non conseguiron callar entre o público
pese ás súas boas críticas (especialmente no apartado das súas cámaras,
consideradas o exemplo a seguir no sector), en boa medida por un prezo
esaxerado (o
Google Pixel 3 XL saíu á venda a 949/1.049 euros), o que veñen de corrixir cos
novos Google Pixel 3a e
3a XL, á venda por 399 e 479 euros respectivamente, converténdose nunha das
mellores opcións do mercado para quen desexe un teléfono solvente e con
actualizacións de Android rápidas e garantidas durante 3 anos.
O Pixel 3a ten unha pantalla OLED Full HD+ de 5,6 polgadas, mentres que o Pixel
3a XL chega até as 6 polgadas, que xunto coas súas baterías de 3.000 e 3.700
mAh respectivamente son as características que diferencian aos modelos que
comparten o resto de prestacións: procesador Qualcomm Snapdragon 670, 4 GB de
RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12 ,2 Mpíxeles e
frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas traseiro,
USB-C (con carga rápida de 18 watts), toma para auriculares e carcasa en branco
ou en negro.
Os novos teléfonos da familia Pixel prometen manter o nivel de calidade de
cámara dos seus predecesores, conseguindo grandes instantáneas pese a non
contar con varios obxectivos, e tamén tirarán proveito de novas prestacións de
Android que chegarán prioritariamente á familia Pixel, como a función de
realidade aumentada integrada en Google Maps. Outra novidade da cámara dos Google
Pixel 3a é a posibilidade de realizar time
lapses.
Vendo uns smartphones tan completos, chega a pregunta: que compromisos realizan
estes smartphones para ser máis baratos que a súa versión anterior? Pois
principalmente optan por un procesador de gama media en vez dun modelo de gama
alta, prescinden da resistencia á auga e da carga sen fíos, e o seu corpo é de
policarbonato (en vez de contar cunha traseira de cristal). Falamos dun salto
de características que dificilmente xustifican os 450 euros de diferenza de
prezo, de aí que sexa bastante probable que estes novos teléfonos trunfen onde
fracasaron os seus modelos de alta gama.