Os novos Redmi Note 5 queren conquistar a gama media

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Iniciando polo mercado da India, Xiaomi lanza os seus novos smartphones de gama media para dominar boa parte do mercado ao combinar deseño, prestacións e prezo axustado, de xeito que co Redmi Note 5 pretende conquistar ao público xeral e co Redmi Note 5 Pro meter no peto aos que son esixentes coa cámara do seu dispositivo móbil.
Estes novos teléfonos con corpo de metal dan un importante salto en tamaño de pantalla, ao pasar de 5,5 polgadas en relación 16:9 até as 5,99 polgadas en relación 18:9 (cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles), ou sexa, que mantendo un factor de forma semellante incrementa a superficie de pantalla un 12,5% atendendo ás actuais tendencias de mercado.
Como vén a ser habitual nos Redmi Note, a capacidade da batería é máis que notable, contando os novos Redmi Note 5 cunha batería de 4.000 mAh, máis que suficiente para completar o día cun uso bastante intensivo (chegaría para reproducir vídeo durante 14 horas ou xogar durante 8 horas).
A nivel de cámaras, o Redmi Note 5 mellora considerablemente a luminosidade da súa cámara traseira ao contar cun sensor con píxeles de 1,25 micrómetros (un 25% maiores que na cámara do Redmi Note 4) e na cámara frontal (de 5 Mpíxeles) integran iluminación LED cunha temperatura de cor de 4500K para conseguir que os selfies saian naturais.
Este modelo de móbil máis básico funcionaría cun procesador Qualcomm Snapdragon 625 de 8 núcleos e contaría cun modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento a un prezo de 9.999 rupias (126 euros) e cun modelo superior con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento a 11.999 rupias (152 euros).

Máis velocidade e mellores cámaras no modelo Pro

O Redmi Note 5 Pro coincide en moitos aspectos co seu irmán pequeno, peor sorprende por ser o primeiro móbil a nivel mundial en incorporar o procesador Qualcomm Snapdragon 636 (que integra procesadores Kryo propios das familias de procesadores Snapdragon 800). Tamén conta con memoria RAM LPDDR4X (o que supón un grande salto de velocidade) e dobre cámara traseira (unha cun sensor Sony de 12 Mpíxeles e outra cun sensor Samsung de 5 Mpíxeles, encargada de capturar información de profundidade), mentres que na cámara frontal optan por un sensor Sony IMX376 de 20 Mpíxeles (tamén completada por luz LED cunha temperatura de 4500K).
Este teléfono sairá á venda por 13.999 rupias (177 euros) no seu modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e, por primeira vez na familia Redmi, contará cunha versión con 6 GB de RAM, que custará 16.999 rupias (215 euros).

Os novos Redmi Note 5 e Redmi Note 5 Pro teñen uns prezos moi axustados, que contribuirán a que entren con grande forza no mercado

PUBLICIDADE