Os novos móbiles Nova 8 de Huawei destacan polas súas cámaras traseiras
xoves, 24 de decembro do 2020
Aínda que o veto dos EE.UU. provocou unha caída drástica das
vendas dos móbiles de Huawei, a compañía chinesa non cesa de presentar novos
terminais, resultando bastante peculiares os seus novos Nova 8 e Nova 8 Pro polo deseño
do seu módulo de cámaras, que é moi diferente ao que estamos afeitos, dando un
grande protagonismo ao seu sensor principal de 64 Mpíxeles, que está acompañado
por un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un sensor macro de 2 Mpíxeles e un
sensor de profundidade de 2 Mpíxeles. Estes móbiles tamén inclúen unha cámara
frontal perforada de 32 Mpíxeles no modelo básico e unha cámara frontal dual de
32 e 16 Mpíxeles no modelo Pro (contando o sensor secundario con ultra grande
angular).
Estes novos teléfonos funcionan cun procesador Kirin 985, 8 GB de RAM, 128/256
GB de almacenamento interno, conectividade 5G e carga rápida de 66 watts, sendo
a principal diferenza entre od distintos modelos o seu tamaño, xa que o Huawei
Nova 8 está equipado cunha pantalla Full HD+ OLED de 6,57 polgadas cunha
velocidade de refresco de 90 Hz, mentres que o Huawei Nova 8 Pro opta por unha
pantalla que medra até as 6,72 polgadas e mellora a súa velocidade de refresco
até os 120 Hz. O cambio de dimensións tamén supón distintas capacidades de
batería, quedando o modelo básico en 3.800 mAh, mentres que o modelo Pro chega
aos 4.000 mAh.
O Huawei Nova 8 sae á venda a un prezo de 3.299 iuans (414 euros) con 128 GB de
almacenamento e 3.699 iuans (465 euros) con 256 GB de almacenamento, subindo o
Huawei Nova 8 Pro a 3.999 iuans (502 euros) con 128 GB de capacidade e 4.399
iuans (553 euros) con 256 de almacenamento interno. Queda por ver se Huawei
ousa traer estes móbiles a Europa, xa que teñen uns prezos bastante elevados, difíciles
de xustificar para dispositivos que veñen sen os servizos de Google
preinstalados.
- Os novos móbiles de Huawei teñen un deseño atractivo, pero continúan a ter serias limitacións a nivel de software