Os novos móbiles de Xiaomi conseguen liderar a clasificación de cámaras de DxOMark
xoves, 13 de febreiro do 2020
Xiaomi
presentou hoxe os seus novos móbiles insignia e non decepcionou, xa que os
novos Mi 10 son dignos competidores dos Samsung
Galaxy S20 presentados esta semana, aínda que sen chegar aos mesmos niveis
de excelencia para así poder ter un prezo moito máis competitivo.
O Mi
10 vén a ser un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 que
integra un sensor de 108 Mpíxeles na súa cámara traseira, é capaz de gravar
vídeo 8K e conta tamén con potentes altofalantes estéreo, combinación que na
súa versión máis completa (Mi 10 Pro) conseguiu
situarse na primeira posición en DxOMark nas categorías de cámara traseira
(con 124 puntos) e de son (76), superando sobradamente a teléfonos como o
iPhone 11 Pro Max (con 117 e 71 puntos respectivamente), e á espera de que os
novos móbiles de Samsung pasen polo laboratorio de probas.
Dado que chega ao mercado chinés o vindeiro día 24, posiblemente esteamos ante
o primeiro teléfono en pórse á venda cun procesador Snapdragon 865, que conta
con conectividade 5G, de xeito que temos un dispositivo con grande capacidade de
procesamento e cunha conectividade excelente (tamén conta con Wi-Fi 6,
Bluetooth 5.1 e NFC). Para un bo desempeño o teléfono está equipado con memoria
RAM LPDDR5 e almacenamento flash UFS 3.0; e tamén integra un sistema de
refrixeración sofisticado, cunha grande cámara de vapor e unha estrutura de grafito
de 6 capas, xunto con outros elementos que buscan que o dispositivo poida manterse
fresco mentres se xoga ou cando se realizan descargas a través de redes 5G.
A pantalla do terminal é AMOLED de 6,67 polgadas, cunha velocidade de refresco
de 90 Hz, orificio en pantalla para unha cámara frontal de 20 Mpíxeles e lector
de pegadas integrado. Pero é na cámara traseira onde chama a atención, cunha
cámara principal de 108 Mpíxeles capaz de tomar imaxes moi detalladas e gravar
vídeo 8K (permitindo incluso disparar fotografías de 33 Mpíxeles durante as
gravacións de vídeo 8K con só tocar a pantalla).
No caso do Mi 10 Pro teríamos un
smartphone case idéntico, que melloraría a súa cámara traseira nos 3 sensores
que apoian ao principal, de xeito que a cámara para retratos presume de sensor
de 12 Mpíxeles (con zoom óptico de 2 aumentos), o grande angular chega até os
20 Mpíxeles e ofrece tamén un teleobxectivo de 10 aumentos.
A outra diferenza que tería o Mi 10 Pro fronte ao modelo normal estaría na
batería, que pasaría de 4.780 mAh a 4.500 mAh, compensando a perda de
capacidade cun incremento de velocidade de carga (pasando de 30 a 50 watts). No
caso da carga sen fíos ambos teñen carga de 30 watts e carga inversa de 10
watts.
O Mi 10 poderá mercarse con 8/12 GB de RAM e 128/256 GB a un prezo que parte
dos 3.999 iauns (528 euros), mentres que o Mi 10 Pro venderase con 8/12 GB de
RAM e 256/512 Gb a un prezo que parte dos 4.999 iuans (661 euros), prezos moi inferiores
aos dos móbiles insignia de Samsung. Polo momento non hai data para o
lanzamento español destes dispositivos.