Os novos móbiles de Xiaomi lideran en potencia

martes, 29 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Os novos Xiaomi 15 e 15 Pro veñen de presentarse na China, converténdose posiblemente nos móbiles máis potentes do mercado ao estar equipados cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite (aínda que haberá que agardar a que cheguen a mans dos usuarios para poder comparalos cos últimos iPhone).
Cunha pantalla OLED de 6,36 polgadas, resolución de 2.670 x 1.200 píxeles, velocidade de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 3.200 nits resulta evidente que o Xiaomi 15 quere ser un dispositivo de alta gama de referencia, acompañado por unha batería de 5.400 mAh con carga rápida de 90 watts por cable e 50 watts sen fíos, polo que semella que imos ter unha tempada con baterías con capacidades moi elevadas (en vez de preocuparse os fabricantes por adelgazar esaxeradamente os terminais móbiles, de aí que teñamos un dispositivo cun grosor de 8,08 milímetros e 191 gramos de peso).
No apartado de cámaras contan cunha cámara traseira tripla con sensores de 50 Mpíxeles con tres distancias focais diferentes (11, 23 e 60 milímetros) con estabilización óptica tanto na cámara principal como no teleobxectivo. A nivel de vídeo pode gravar até 8K a 30 imaxes por segundo ou 4K a 60 imaxes por segundo. A cámara frontal confórmase con 32 Mpíxeles, aínda que tamén destaca por poder gravar vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo.
O teléfono está equipado con 12/16 GB de RAM LPDDR5X e entre 256 GB e 1 TB de almacenamento UFS 4.0, con prezos que parten dos 4.499 iuans (585 euros) e chegan aos 5.499 iuans (715 euros) na súa configuración máis completa.
Pola súa banda o Xiaomi 15 Pro é basicamente un smartphone de maior tamaño, cunha pantalla AMOLED de 6,73 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.440 píxeles, e un incremento de batería proporcional que permítelle unha impresionante capacidade de 6.100 mAh. O seu grosor queda en 8,35 milímetros e o seu peso en 213 gramos. No apartado de cámaras mellora lixeiramente o seu sensor principal (incrementando a súa apertura) mentres que o teleobxectivo chega até o 120 milímetros (ou sexa, que pasa de 2.6x a 5.2x). O seu prezo partiría de 5.299 iuans (689 euros) e chegaría até os 6.499 iuans (845 euros), polo que estamos ante móbiles cun prezo bastante axustado para as súas elevadas prestacións.