Os novos routers de Google incorpora conectividade Wi-Fi 6E

martes, 4 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Para facilitar unha boa conectividade dentro do fogar temos dende hai tempo a tecnoloxía Wi-Fi mesh, que permite establecer unha rede sen fíos con varios nodos que se comunican entre eles para achegarnos en cada momento a mellor conexión posible, para o que Google ten dende hai tempo routers da familia Nest que agora dan un paso adiante co Nest Wifi Pro, que como principal vantaxe ten o soporte de Wi-Fi 6E, tipo de Wi-Fi que tamén tira proveito da banda de 6 GHz, conseguindo unhas conexións máis rápidas e estables.
Este novo router busca ser o corazón do fogar conectado e, de feito, está preparado para o lanzamento do novo protocolo de fogares conectados Matter, de xeito que cando este sistema sexa unha realidade poderase empregar o Nest Wifi Pro a xeito de concentrador, ou sexa, que fará máis doado engadir e xestionar dispositivos para a nosa electrónica doméstica.
O Nest Wifi Pro sairá á venda o vindeiro 27 de outubro a un prezo de 219,99 euros, aínda que o máis razoable sería a compra do lote con 2 elementos, cun prezo de 329,99 euros, e que facilitará unha boa conexión Wi-Fi en fogares de certo tamaño, cun magnífico rendemento e con prestacións avanzadas propias dos routers Nest (como poder activar unha rede para convidados ou poder establecer medidas de control paterno).

Vídeo promocional do novo router Nest Wifi Pro

PUBLICIDADE