Os novos televisores de Xiaomi integran Fire TV

luns, 30 de maio do 2022 Marcus Fernández

Tras o éxito comercial dos televisores Xiaomi TV P1 e P1E, o fabricante chinés sorprende cunha nova liña de televisores, os Xiaomi TV F2, que en vez de funcionar con Android TV optan por integrar Fire TV, ou sexa, que deixan de lado a Google para apostar polo control por voz de Alexa.
Estamos ante televisores con deseño dunha única peza sen límites (ou sexa, con biseis moi reducidos), con pantalla 4K, compatibles con AirPlay, Miracast, Dolby Audio, DTS-HD e DTS-Virtual:X e HDR10, que funcionan cun procesador MediaTek MT9020 con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento, con sistema operativo Fire OS 7 (que permite gozar da meirande parte de aplicacións de reprodución de contidos audiovisual como Netflix, Prime Video, YouTube, Disney+...) e incluso conta cun son de certa calidade cos seus dous altofalantes de 12 watts. O seu mando a distancia combina Bluetooth e infravermellos (de xeito que permite controlar máis dispositivos cun único mando) e conta con micrófono para poder recibir ordes por voz.
Estes televisores chegan hoxe ás tendas españolas en tamaños de 43, 50 e 55 polgadas a un prezo promocional de lanzamento de 339, 379 e 419 euros respectivamente.

O mando dos televisores Xiaomi TV F2 permite falar con Alexa para dar ordes de voz ao televisor e á electrónica doméstica

PUBLICIDADE