Os vindeiros móbiles de Honor incluirán os servizos de Google

luns, 24 de maio do 2021 Marcus Fernández

Honor xa anunciou oficialmente que os seus vindeiros móbiles funcionarán con procesadores de Qualcomm

O ano pasado Huawei veuse na necesidade de vender a marca Honor, co que a súa marca dirixida a un público mozo e con menor poder adquisitivo librouse dos bloqueos impostos polos EE.UU. o que vai ter unha consecuencia directa: poder comercializar novos smartphones con tecnoloxía asociada a compañías estadounidenses. Deste xeito Honor pode conquistar parte do mercado que anteriormente tiña Huawei, e do que tiraron moito proveito marcas como Xiaomi, Samsung e Oppo nos últimos meses.
Para comezar, xa anticiparon que a nova familia Honor 50 contará con procesadores Qualcomm Snapdragon 778G 5G, e tamén aseguran que os novos terminais contarán cos servizos de Google preinstalados, superando así o principal atranco que teñen actualmente os móbiles de Huawei en Europa, xa que os consumidores non están dispostos a adquirir móbiles nos que teñan complicacións para instalar as aplicacións e servizos máis populares no noso territorio, como serían WhatsApp, Facebook, Instagram, Gmail ou Google Maps.
Queda agora agardar a saber cal será a data na que os novos móbiles de Honor vaian chegar ao mercado, e se contarán cunha distribución á altura do interese que esperta a marca.

PUBLICIDADE