Parrot presenta o seu novo dron encartable
xoves, 7 de xuño do 2018
Pese a que DJI está dominando o mercado dos drons de
consumo, conseguindo innovacións incribles en dispositivos de formato compacto,
iso non disuade a Parrot de manterse na loita e presentar a súa nova proposta, o dron ANAFI, que sairá á venda o 2
de xullo a un prezo de 699,90 euros e que busca chamar a atención coa súa
cámara capaz de disparar fotografías de 21 Mpíxeles e gravar vídeo 4K con HDR,
e o seu formato encartable, que fai que poida gardarse ocupando só 244 x 67 x 65
milímetros (facilitando o seu transporte, ao que tamén contribúe que só pese
320 gramos).
Este interesante dron véndese cun estoxo de transporte bastante compacto, unha
tarxeta de memoria de 16 GB e 8 pas de hélices adicionais, así como co Parrot
Skycontroller 3, mando que facilita o control deste dispositivo voador cunha
autonomía de até 25 minutos, que pode manexarse até a 4 quilómetros de
distancia co mencionado controlador e que pode voar en horizontal até a 50 quilómetros/hora.
O deseño de ANAFI permite que a súa cámara poida rotar verticalmente 180 graos,
ou sexa, que pode permite gravar secuencias dende ángulos inéditos nun
dispositivo deste tipo, ao que axuda que conte coa posibilidade de facer zoom
de 2,8x sen perdas (permitindo así gravacións con calidade a distancias seguras)
e conte cun estabilizador de imaxe de 3 eixes.
Para unha maior seguridade, o ANAFI permite definir un perímetro persoal
(Géobarrière) para impedir que o dron saia dunha área designada, ten un sistema
de regreso intelixente Smart RTH (para volver ao punto de partida se perde a
conexión ou vai quedar sen batería) e tamén inclúe a función Find My Drone, coa
que o trebello emite un asubío para facilitar a súa localización.
O seu control pode realizarse a través da aplicación móbil FreeFlight 6, que
facilita o disparo de fotografías e a gravación de vídeo para compartir os
contidos en YouTube e Facebook. Tamén permite a realización de tomas
cinematográficas cos CineShots automáticos (con 4 opcións dispoñibles), inclúe
opción para selfies dende o aire e
facilita o cambio de velocidade dos vídeos gravados (de xeito que tanto podemos
crear vídeos en cámara lenta como hyperlapses).
Dende Parrot tamén presumen de que ANAFI é o único dron do mercado capaz de
facer de xeito automático o efecto de zoom Dolly ou travelling compensado, co que o obxecto enfocado mantén tamaño e
encadre mentres muda a perspectiva na que se ve o fondo, creando certa vertixe.
Sen dúbida un produto moi interesante que como principal atranco ten que o seu
competidor directo ten uns prezos moi agresivos e unha reputación magnífica.
- O dron ANAFI é moi cómodo de transportar
Vídeo de presentación do dron Parrot ANAFI