Pedro Sánchez anuncia a creación dun grande modelo de linguaxe de IA adestrado nas linguas españolas

luns, 26 de febreiro do 2024 Redacción

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou ao comezo da cea de benvida do Mobile World Congress de) Barcelona a construción, mediante colaboración público-privada, dun grande modelo fundacional de linguaxe de intelixencia artificial adestrado especificamente en español e linguas cooficiais.
O xefe do Executivo asegurou que se vai impulsar o despregamento da intelixencia artificial xerativa no tecido produtivo, no sistema científico e no deseño de políticas públicas e afirmou que aspira a que España "xogue un papel relevante a nivel internacional no desenvolvemento da intelixencia artificial".
Por iso, anunciou a construción dun grande modelo de linguaxe de intelixencia artificial, adestrado en español e linguas cooficiais, en código aberto e transparente. Para o seu desenvolvemento, o Goberno vai traballar, en estreita colaboración público-privada, co Barcelona Supercomputing Center e a Rede Española de Supercomputación, xunto coa Academia Española da Lingua e a Asociación de Academias da Lingua Española. Ademais, está previsto facer extensible esta iniciativa, incorporando aos países iberoamericanos.
A nova iniciativa busca proporcionar unha infraestrutura lingüística aberta, pública e accesible para as empresas, de forma que poidan dispoñer dun modelo de linguaxe de gran escala, adestrado en castelán e linguas cooficiais, que facilite servizos en tecnoloxías da lingua para que poidan desenvolver aplicacións avanzadas para a súa posterior explotación económica. Por exemplo, asistentes intelixentes, sistemas conversacionais e de diálogo ou modelos de xeración de contido.

PUBLICIDADE