Á venda os primeiros auriculares Lightning que poden cargar o iPhone durante o seu uso

mércores, 15 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Pioneer vén de pór á venda os seus auriculares con cable Rayz Plus a un prezo de 149,95 dólares con acabado en cor dourada ou gris escura, destacando por ser os primeiros auriculares Lightning do mercado que tomando a súa alimentación directamente do porto Lightning permite a carga do iPhone ao que estean conectados durante o seu uso, xa que no propio cable inclúe unha toma Lightning femia á que conectar un cargador.
Estes auriculares non só empregan a conexión Lightning para recibir son, senón tamén para captar a enerxía que permite facer funcionar a súa cancelación de ruído activa, que non só serve para bloquear os ruídos do noso contorno, senón que tamén pode aproveitarse de xeito intelixente para enfocarse nas cousas que o usuario quere escoitar.
Nunha actualización de software tamén preténdese que estes auriculares, que poden empregarse a xeito de mans libres, poidan empregar a función Smart Mute, que pecha o micrófono cando o usuario non estea a falar, evitando así que o interlocutor nunha chamada escoite o rebumbio cando se fala dende un local público.
Os auriculares tamén contan con AutoPause (para a reprodución musical cando se quitan) e modo HearThru (permitindo que o usuario poida recibir o son ambiental, o que resulta interesante cando, por exemplo, andamos pola rúa e queremos poder escoitar, por exemplo, o claxon dun automóbil).
Os Pioneer Rayz Plus inclúen 3 pares de capuchóns de 3 talles distintas e o seu cable mide 1,2 metros de lonxitude.

Vídeo promocional dos auriculares Pioneer Rayz

PUBLICIDADE